LETRAS GALEGAS

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS


CURSO 2016-17

Un curso máis fixemos unha viaxe ao CEIP Praia Xardín de Boiro para asistir a típica romaría que organizan neste centro con motivo das Letras Galegas. Pero este ano non temos imaxes da romaría. Na nosa escola tamén fixemos diversas actividades relacionadas co autor homenaxeado, Carlos Casares.

CURSO 2015-16

Aparte doutras actividades, memorizamos e recitamos algúns poemas da extensa obra de MANUEL MARÍA: o arco da vella, o bigote de Mimí, etc. Tamén escoitamos varias cantigas de grupos galegos baseados nos poemas de Manuel María. Estas audicións xunto con outros moitos recursos podemos atopalos no seguinte enlace:
Casa Museo Manuel María
Asistimos tamén a romaría que organizan no Praia Xardín (grazas pola súa xenerosidade). Despois das degustacións aproveitamos a maqueta que tiñan alí para facer varios retratos de nenos cociñando, preparando "guiso de nenos vivos". Tamén participamos na tómbola na que o noso compañeiro Anxo derrubou tódolos botes dunha tirada e gañou unha lontra. Observamos e intentamos xogar a algúns xogos tradicionais.




CURSO 2014-15

Este curso homenaxeamos a XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE e fixemos na clase varias actividades para coñecer a vida e obra deste autor.
Tamén temos que agradecerlle ao CEIP PRAIA XARDÍN que nos invitaran un ano máis á romaría que organizaron no patio do colexio, e tamén darlle as grazas por facilitarnos a viaxe en autobús. Fomos polos distintos postos que tiñan montados e degustamos tódolos manxares que nos ofreceron.








CURSO 2013-14

Este curso fixemos un caderno de actividades para alumnos de infantil e do 1º ciclo de primaria, relacionadas co autor homenaxeado este ano, XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO.
Tamén estamos facendo unha recompilación de tódolos autores homenaxeados o día das Letras Galegas. Recortaremos unha imaxe de cada un co seu nome e o ano que foi homenaxeado para renovar a árbore dos poetas galegos que temos debuxada na parede que hai na entrada.
Os alumnos do 1º ciclo de primaria e tamén os de 5 anos, memorizamos e recitamos algúns poemas de Rosalía de Castro que resumimos no seguinte vídeo.



CURSO 2012-13

Cando se achega o 17 de maio, día das letras galegas, facemos distintas actividades encamiñadas á promoción da lingua galega e tamén actividades relacionadas coa vida e obra do autor homenaxeado cada ano. Tamén asistimos á romaría popular que organizan no CEIP Praia Xardín, colexio ao que estamos adscritos.



VISITA AO CEIP PRAIA XARDÍN. 

ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS: Con motivo da celebración do día das "Letras Galegas" asistimos un ano máis á romaría popular que organiza o Praia Xardín, colexio que será o receptor dos alumnos que cambian de centro en 3º de primaria. Alí observamos como traballan os oleiros facendo cousas de barro, como se fan os sombreiros de palla, estivemos co Sr. Xosé Piñeiro de Comoxo que nos ensinou a facer nós mariñeiros, xogamos a tirar botes e a profe Teresa deixounos coller un regalo a cada un, pasamos polos postos do pan, dos flocos de millo, dos friames, doces, froitas, etc. Tamén nos invitaron a chocolate con churros.





VISITA AO MUSEO ETNOGRÁFICO DE COMOXO

No mes de abril (curso 2012-13) visitamos o museo etnográfico de Comoxo, invitados por membros da Asociación de montes, que xunto con Amicos, O Faiado e outras entidades son os artífices da recente construcción deste museo etnográfico situado na aldea de Comoxo, moi pretiño da escola unitaria. Nel pretenden levar a cabo exposicións, proxecións, reunións, e outros actos.
O que nós vimos no museo foi unha exposición de cousas relacionadas co mar: artes de pesca, maquetas de barcos, fósiles, corais, cunchas, lámpadas de gas e carburo, traxes de mergullar, etc.
Tamén vimos ferramentas de carpintería, unha sachadora de sachar o millo, un arado de bois, e outros obxectos ou máquinas antigas.
Na sala de proxección vimos os muíños de auga e outros restos de interese que hai nas distintas parroquias do Concello de Boiro.

A continuación mostramos algunhas imaxes da visita:











Ningún comentario:

Publicar un comentario